Friday 03 de May de 2024

O Concello recupera a atención presencial con cita previa e programa o reinicio progresivo de actividades a partir do primeiro de xuño


O Concello de Moeche volve pouco a pouco á normalidade, alomenos no que se refire á atención ao público. As oficinas municipais retomaron esta mesma semana os servizos presenciais para todo tipo de xestións, aínda que polo momento segue recomendándose solicitar cita previa a través do 981 404 006 ou de correo@moeche.gal. O reinicio foi precedido da adaptación das instalacións ás recomendacións preventivas das autoridades sanitarias. Neste sentido, na casa consistorial e na nave dos tecidos instaláronse mamparas de metacrilato -adquiridas a unha empresa local-, colocáronse dispensadores de xel e dispuxéronse carteis e sinais no chan para informar sobre as distancias de seguridade e as medidas de hixiene que se deberán adoptar. A transformación municipal a esta nova realidade supuxo un investimento próximo aos 4.000 euros. Dos protocolos adoptados tanto na Casa do Concello como no mercado -que se retomou o sábado pasado- deuse conta na última Xunta de Portavoces, celebrada o pasado 6 de maio. Tamén se falou das previsións para retomar outras actividades e da reapertura de espazos que aínda seguen pechados. O Concello xa ten definido o cronograma, que poderá variar dependendo do que indique a normativa sanitaria autonómica e estatal.

Unhas das citas máis agardadas son as feiras do 11 e do 23. De feito, esta mañá recibíronse no Concello numerosas chamadas preguntando se este sábado ía haber feira. O Concello informou a ese respecto que non, que mañá sábado só haberá mercado na nave dos tecidos. A primeira feira celebrarase o xoves 11 de xuño e limitada na súa oferta a produtos alimentarios e agropecuarios, polo que, de momento, non acudirán os postos habituais de roupa, calzado, artesanía ou ferramentas. Ese día tamén poderá venderse gando, aínda que as entregas de vacún de todos os martes empezarán o día 16.

Outras actividades que teñen xa programada a volta á “nova normalidade” son as seguintes:

A Biblioteca Municipal arrancará o día 1 de xuño. Cómpre sinalar que a oposición municipal xa solicitou por escrito hai varios días a reapertura deste servizo, pero non foi até este mércores cando a Xunta de Galicia enviou o protocolo para poder facelo coas máximas garantías de seguridade.
A partir do 15 de xuño poderán abrir os locais socioculturais para actividades municipais ou das entidades que, nese caso, deberán enviarlle ao Concello unha comunicación previa.
O Castelo de Moeche abrirá ao público o día 20 de xuño tomando as medidas de seguridade e de aforo ás que haxa lugar nese momento, aínda que en principio todo apunta a que a apertura se efectuará en condicións normais e recordándolles aos visitantes os requisitos de hixiene e de etiqueta respiratoria que veñen repetíndose desde o inicio da crise.
O 1 de xullo empezará a funcionar a piscina municipal con estritas limitacións en canto ao aforo e o uso das instalacións, que poderán variar en función dos protocolos que acheguen as autoridades sanitarias, onde se deberán fixar o sistema de acceso, o límite de entradas e abonos e as condicións de acceso a baños e vestiarios. O Concello xa está tramitando a contratación do servizo de mantemento e do de socorrismo. A piscina de Souto Grande acollerá cursos de natación durante os meses de xullo e agosto en grupos reducidos e divididos por franxas de idade.
O 1 de xullo tamén abrirá o pavillón polideportivo, aínda que só para actividades municipais. O acceso a outras instalacións de lecer -pistas de pádel, pistas de tenis e parques infantís- permitirase a ao remate da Fase 3 da desescalada, que indo todo ben, se produciría despois do 21 de xuño. Durante este verán non se celebrarán os cursos de tenis doutros anos.
En canto a outras actividades, o Concello ten previsto levar a cabo o Campamento Sementeira durante o mes de agosto en dúas quendas de 15 días cada unha, limitadas a grupos máximos de 8 nenas e nenos. Isto sempre no caso de que as autoridades sanitarias permitan organizar este tipo de propostas de conciliación.

Tamén se queren levar adiante as sesións de ximnasia de mantemento ao aire libre que teñen lugar desde hai dous anos no parque biosaudable. Van dirixidas principalmente a persoas maiores e prevese organizalas para xullo e agosto. Neses dous meses tamén se recuperaría o tempo do Obradoiro de memoria que se viu interrompido polo Estado de Alarma, aínda que con maiores medidas de seguridade e en grupos reducidos.

Por último, a área de Turismo tamén volverá ofrecer as rutas xeolóxicas guiadas -o calendario completo saberase máis adiante- que percorrerán Mina Piquito (grupos de 10 persoas) e as canteiras de toelo (máximo de 25 participantes) e asegurando en ambos itinerarios que se manteñan as distancias interpersoais e outras medidas preventivas.

A atención no Concello, mellor con cita previa
Tal e como sinalabamos ao comezo, a atención presencial no Concello reiniciouse esta mesma semana tras acondicionar os espazos con mamparas, sinalización e dispensadores de xel hidroalcólico, ademais de proporcionarlle ao persoal xa reincorporado equipamento de protección e hixiene e de desinfección do seu espazo de traballo. Nos próximos días tamén se adaptarán con sinalización e dispensadores de virucidas o resto de instalacións que irán abrindo paulatinamente a partir de xuño.

Recórdase que para acudir ao Concello facer calquera xestión é necesario solicitar cita previa no 981 404 006 ou no enderezo electrónico correo@moeche.gal. Con todo, se alguén pasa polas oficinas municipais sen ter vez pedida tentarase atender o seu caso sempre que sexa posible e dándolle prioridade a quen si tivese cita concertada.

Desde o Goberno municipal insístese en que todo o proceso de reactivación de actividades poderá variar en función da situación sanitaria e das normas preventivas que establezan en cada momento tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Sanidade.